jueves, 20 de noviembre de 2025

Merengue, Dereitos e Diversión: Celebramos o 20N!



Este 20 de novembro celebramos unha data moi especial: o Día Universal dos Dereitos da Infancia, unha ocasión perfecta para lembrar que todos os nenos e nenas do mundo teñen dereitos que deben ser coñecidos, respectados e protexidos.

Para conmemorar esta xornada, na CiberCaixa Mallos preparámosvos unha actividade tan divertida como educativa: o “Merengue dos Dereitos”. A través da música e do xogo descubriredes algúns dos dereitos máis importantes, como o dereito á educación, á protección, á igualdade ou ao xogo.

Ademais, realizaremos unha ficha interactiva que nos axudará a comprender o significado destes dereitos e a reflexionar sobre por que é tan importante defendelos día a día. Analizaremos tamén como é a situación dos dereitos da infancia noutros lugares do mundo, para entender que, aínda que estes dereitos son universais, non sempre se cumpren por igual.

Pero iso non é todo:
os maiores da CiberCaixa Mallos tamén cantarán outra canción relacionada cos dereitos da infancia e completarán unha ficha de comprensión sobre a súa letra, con preguntas que nos permitirán profundar aínda máis no tema.

E, para rematar a tarde dun xeito emocionante, gozaremos dun trivial sobre os Dereitos da Infancia, no que poderedes demostrar todo o que aprendestes mentres xogades.

Porque o propósito desta actividade é tan sinxelo como esencial: coñecer para poder respectar e protexer.
E que mellor maneira de conseguilo que aprendendo, bailando, cantando e divertíndonos xuntos/as?

Comezamos a tarde ao ritmo dun merengue que moitos e moitas na aula xa sabedes de memoria.







  
Estes dereitos son universais e deben ser respectados e protexidos sen ningún tipo de discriminación, incluíndo a raza, a cor, o sexo, a lingua, a relixión, a opinión política ou doutra índole, a orixe nacional, étnica ou social, a posición económica, a discapacidade, o nacemento ou calquera outra condición do neno ou da nena, dos seus pais ou dos seus representantes legais.

Porén, en moitos lugares do mundo estes dereitos non se respectan na súa totalidade, e aínda existen desafíos importantes na súa aplicación e cumprimento. Queredes saber cal é a situación dos dereitos dos nenos e nenas no mundo?





  



Que vos parece se os maiores da CiberCaixa Mallos cantamos outra canción?





No hay comentarios:

Publicar un comentario